15/8/14

ENSINANZAS OFICIAIS DE IDIOMAS

Que son as Escolas Oficiais de Idiomas (EOI)?
Son centros docentes públicos para a aprendizaxe de idiomas e para a súa práctica. Nelas foméntase especialmente o estudo das linguas oficiais dos estados membros da Unión Europea, das linguas cooficiais existentes en España e do español como lingua estranxeira. Así mesmo, facilítase o estudo doutras linguas que por razóns culturais, sociais ou económicas presenten un interese especial. As ensinanzas de idiomas forman parte, dentro do sistema educativo, das ensinanzas de réxime especial.

Matrícula:
Pódese matricular nunha EOI calquera persoa que teña 16 anos cumpridos no ano en que comece os estudos, se se trata da 1ª lingua estranxeira cursada na ESO; ou 14 anos, no caso das restantes linguas.

Idiomas:
Nas EOI de Galicia pódense estudar ata once linguas: alemán, árabe, chinés, español paa estranxeiros, francés, galego, inglés, italiano, portugués, ruso e xaponés.

Plan de estudos:
Organízase en 3 niveis.
  • Básico (dous anos; tres no caso do chinés e do xaponés)
  • Intermedio (dous anos; tres no caso do árabe, do chinés e do xaponés).
  • Avanzado (dous anos).
Certificación:
Ao remate de cada nivel hai que superar unha proba de certificación, que dá dereito á expedición do certificado oficial correspondente:
  • Certificado de nivel básico (nivel A2 do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas (MCERL).
  • Certificado de nivel intermedio (nivel B1 do MCERL.
  • Certificado de nivel avanzado (nivel B2 do MECRL). 

Réximes:
As persoas que queiran estudar nunha EOI teñen varias opcións:
  • Réxime oficial, no que se poden cursar os estudos nunha destas modalidades:
    • Presencial, con tres sesións de 90 minutos por semana na EOI.
    • A distancia, só no caso do inglés, por medio do programa "That's English!"
  • Réxime libre, para que as persoas non escolarizadas nunha EOI poidan obter os certificados dos distintos niveis mediante a superación das probas de certificación.
Acceso con coñecementos previos do idioma:
As persoas con coñecementos previos da lingua poderán acceder a un curso distinto do primeiro de nivel básico, como alumnado oficial, por medio de:
  • Proba de clasificación: avalían os coñecementos da lingua para dar acceso ao curso que corresponda, segundo os resultados da proba.
  • Acceso directo por titulación: as instrucións de matrícula establecen cada ano as titulacións ou os certificados de coñecemento do idioma que dan acceso a cada curso.
  • Título de bacharelato: permite acceder directamente ao primeiro curso de nivel intermedio na primeira lingua estraneira cursada no bacharelato.
Outros estudos ofertados:
Ademais dos estudos regrados, as escolas oficiais de idiomas ofertan outros cursos de actualización e perfeccionamento en idiomas:
  • Cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC) para o profesorado.
  • Cursos para sectores profesionais (audiovisual, comercio, turismo, medio mariño, etc).
  • Cursos preparatorios para as probas CELGA.
  • Cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior.
  • Outros cursos de formación do profesorado en colaboración cos centros de formación e recursos (CFR), e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).  

EOI en Galicia:
Na actualidade hai once escolas oficiais de idiomas, das que ademais dependen 20 seccións, nas catro provincias galegas.

Para máis información, accede ás seguintes ligazóns:
 

14/8/14

AS ENSINANZAS DEPORTIVAS

As ensinanzas deportivas están dentro do sistema educativo. Son de réxime especial porque se poden simultanear con outros estudos, xa que teñen unha estrutura adaptada ás necesidades formativas de tecnificación e o rendemento deportivo canto a duración, horarios, prácticas, etc.

Finalidade: Formación de técnicos (monitores e adestradores) en diferentes modalidades e especialidades. 

Estrutura e titulación: Organízanse en Ciclo Medio (niveis I e II), conducente ao título de técnico deportivo; e Ciclo Superior (nivel III), conducente ao título de técnico deportivo superior. Son as únicas titulacións oficiais no ámbito deportivo e teñen validez académica e profesional en todo o Estado. 

Acceso
  • Grao Medio
    • Requisitos académicos: 
      • Título de graduado en ESO ou equivalente, e superar unha proba específica. En ausencia disto, ter 17 anos e superar unha proba de madureza. A proba de madureza poderase sustituír pola proba de acceso a Ciclos Formativos de Grao Medio de Formación Profesional ou de Artes Plásticas e Deseño, ou a de acceso á universidade para maiores de 25 anos. 
      • Para acceder ao segundo nivel de Grao Medio, ter superados os estudos do primeiro nivel na correspondente modalidade ou especialidade deportiva.
    • Requisitos deportivos:
      • Primeiro nivel: a) Superar unha proba de carácter específico na que se avalían as capacidades físicas e técnicas da especialidade correspondente; b) Cumprir os requisitos deportivos que puideran establecerse na especialidade ou modalidade correspondente.
      • Segundo nivel: a) Proba específica, de ser o caso; b) Cumprir os requisitos deportivos que puideran establecerse na especialidade ou modalidade corespondente.
  •  Grao Superior
    • Requisitos académicos:
      • Título de técnico deportivo da mesma modalidade ou especialidade.
      • Título de bacharelato ou equivalente. En ausencia disto, ter 19 anos e superar unha proba de madureza. A proba de madureza poderase substituír pola parte común da proba de acceso a Ciclos Formativos de Grao Superior de Formación Profesional ou de Artes Plásticas e Deseño, ou de acceso á universidade para maiores de 25 anos.
    • Requisitos deportivos:
      • Superar unha proba de carácter específico.
      • Cumprir os requisitos deportivos que puideran establecerse na especialidade ou modalidade correspondente. 
Estudos posteriores: Pódese acceder a graos universitarios como o de maxisterio (especialidade de educación física) ou de ciencias da actividade física e o deporte. Permite a validación con outras ensinanzas do ámbito educativo.
 
Oferta educativa:
  • Centros dependentes da Consellería
      • Fútbol
        • IES Cruceiro Baleares (Culleredo. A Coruña)
        • IES Sánchez Cantón (Pontevedra)
        • IES Río Cabe (Monforte de Lemos. Lugo)
      • Balonmán
        • IES Sánchez Cantón (Pontevedra)
      • Baloncesto
        • IES Fermín Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa Pontevedra)
      • Atletismo
        • IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes (Lugo)
      • Fútbol sala
        • CIFP A Farixa (Ourense)
  • Centros privados autorizados
      • Fútbol sala
        • CADF Constantino Castro Ruso. Federación Galega de Fútbol sala (Vigo)
        • CADF Federación Galega de Fútbol (A Coruña) 
      •  Fútbol
        • CADF Federación Galega de Fútbol (A Coruña)
        • CADF Real Club Deportivo da Coruña (Abegondo. A Coruña)
      • Hípica
        • CPR Santa Apolonia (Santiago de Compostela)
        • CPR Cemar (Mondariz Balneario. Pontevedra)
      • Deportes de invierno
        • CPR Salvacón (Ourense) 
Máis información nas seguintes ligazóns:

Outros estudos similares: Familia Profesional de Actividades físico-deportivas (En Formación Profesional, que inclúe Ciclos de Grao Medio e Ciclos de Grao Superior). Consulta o folleto informativo.

13/8/14

AS ENSINANZAS ARTÍSTICAS


As ensinanzas artísticas pertencen ás ensinanzas de réxime especial. Dentro delas podemos distinguir:
  1. Ensinanzas de Artes Plásticas e Deseño (Ciclos Fomación Profesional)
  2. Ensinanzas Superiores de Deseño
  3. Ensinanzas de Conservación e Restauración de Bens Culturais
  4. Ensinanzas Superiores de Arte Dramática
  5. Ensinanzas de Danza
  6. Ensinanzas de Música

Na web da Consellería atoparás informacións sobre todas as ensinanzas artísticas. Visítaa se tes dúbidas.

1. ENSINANZAS DE ARTES PLÁSTICAS E DESEÑO (CICLOS FP)

Abordan a aprendizaxe das técnicas artísticas, así como os oficios artísticos tradicionais.
Estrutura: Estrutúranse en familias profesionais semellantes ás de Formación Profesional. Hai Ciclos de Grao Medio (título de técnico) e Ciclos de Grao Superior (título de técnico superior).
En que consisten? Consisten nunha formación teórico-práctica na escola onde se imparte; e unha formación práctica en empresas, estudios ou talleres.
Duración: 2 cursos académicos.
Para que serven? A titulación de técnico permite acceder ao mundo laboral e tamén a inserción no bacharelato ou nos ciclos formativos de grao superior de Formación Profesional Específica ou de Artes Plásticas e deseño. Pola súa banda, a titulación de técnico superior permite acceder directamente a estudos uiversitarios relacionados coa profesión estudada, así como a inserción no mundo laboral.
Acceso:
1. Ciclos de Grao Medio:
- Con requisitos académicos: Cómpre superar unha proba específica co título de graduado en educación secundaria obrigatoria (ESO).
- Acceso directo co bacharelato de artes.
- Sen requisitos académicos: Con 17 anos cupridos, cómpre superar unha proba de madureza e a proba específica.
2. Ciclos de Grao Superior:
- Con requisitos académicos: Acceso directo co título de bacharelato de artes; co título de bacharelato de calquera outra especialidade, cómpre superar a proba específica.
-Sen requisitos académicos: Superar a proba de madureza + a proba específica con 19 anos cumpridos no ano de realización da proba.
Que estudar e onde?
  • EASD Antonio Faílde (Ourense): CM ebanistería artística, CS ilustración, CS fotografía artística.
  • EASD Mestre Mateo (Santiago): CM procedementos de xoiaría artística, CS xoiaría artística, CS arquitectura efémera, CS fotografía artística.
  • EASD Pablo Picasso (A Coruña): CM dourado e policromía, taller cerámica artística (oferta modular) CS artes aplicadas á escultura, CS fotografía artística, CS ilustración.
  • EASD Ramón Falcón (Lugo): CM serigrafía artística, CS gravado e técnicas de estampación, CS cerámica artística, CS fotografía artística.
  • Existen varios centros privados autorizados, dous deles en Vigo e un en Ourense.
Para máis información, accede ás seguintes ligazóns:

2. ENSINANZAS SUPERIORES DE DESEÑO

Finalidade: Proporciona aos futuros profesionais unha adecuada formación artística, científica e técnica, así como unha formación de calidade e unha titulación superior en diversos ámbitos do deseño.
Duración: 4 cursos académicos máis un proxecto final.
Titulación: Equivalente a un Grao universitario.
Especialidades: deseño gráfico, de interiores, de moda e de produto.
Acceso:
- Con requisitos académicos: Título de bacharelato ou proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos superada + proba específica. Acceso directo co título de técnico superior en artes plásticas.
- Sen requisitos académicos: Con 19 anos cumpridos no ano do acceso cómpre superar unha proba de madureza e unha proba específica.


Para máis información, accede ás seguintes ligazóns:

 3. ENSINANZAS DE CONSERVACIÓN E RESTAURACIÓN DE BENS CULTURAIS

Finalidade: Grao cuxo obxectivo é formar a profesionais responsables de manter en bo estado o patrimonio artístico.
Titulación: Graduado universitario.
Acceso:
-Ter o título de bacharelato ou equivalente;
- Ou ter superada a proba de madureza para maiores de 25 anos.
En calquera destes casos, haberá que superar unha proba específica de acceso.
- Ten acceso directo quen estea en posesión do Título de Técnico Superior en Artes Plásticas e Deseño.
Como poderás comprobar na ligazón da oferta educativa e na web do único centro onde se poden cursar estes estudos en Galicia, impártense 3 especialidades: aqueoloxía, pintura e escultura.


Para máis información, accede ás seguintes ligazóns:

4. ENSINANZAS SUPERIORES DE ARTE DRAMÁTICA

Finalidade: Estas ensinanza teñen como finalidade a formación de creadores e profesionai das artes escénicas, de pedagogos e investigadores do feito teatral, así como de especialistas noutros campos ou ámbitos directa ou indirectamente relacionados coa teoría, a tecnoloxía e a práctica teatral.
Duración: 4 anos.
Titulación: Título superior, equivalente ao de Grao universitario.
Oferta educativa: 3 especialidades cos seus correspondentes itinerarios.
  • Dirección escénica e dramaturxia (dirección escénica e dramaturxia).
  • Interpretación (textual, xestual e de interpretación con obxectos).
  • Escenografía.
 Acceso:
- Ter o título de bacharelato ou equivalente; ou ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos; ou superar unha proba de madureza específica para maiores de 19 anos que acredite que se posúe a madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, e os coñecementos, as habilidades e as aptitudes que cómpren para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas.
- Superar unha proba específica da especialidade á que se pretenda acceder. Esta proba consta de dúas partes: 1ª parte. Común a todas as especialidades e con carácter eliminatorio, consistente na realización dun comentario sobre un texto dramático e dun fragmento de ensaio teatral. Anualmente faise pública na web da ESAD (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia-Vigo) unha listaxe de lecturas recomendadas; 2ª parte. Específica para cada especialidade.


Para máis información, accede ás seguintes ligazóns:

5. ENSINANZAS DE DANZA

Poden ser regradas (nos Conservatorios deDanza), que proporcionan un título con validez académica e profesional; e non regradas (en Escolas de Danza), que proporcionan un certificado.
Estrutura: 3 ciclos
  • Ensinanzas de Grao Elemental: 4 cursos académicos. Os criterios de admisión son establecidos por cada centro en función das aptitudes físicas e expresivas dos aspirantes restecto da danza e do sentido musical, que se avalían mediante unha proba. Neste nivel se obtén un simple certificado.
  • Ensinanzas de Grao Medio: 3 ciclos de 2 cursos cada un (6 anos). Para acceder, é preciso superar unha proba en xuño. A proba será diferente de acordo co ciclo ou curso no que se queira ingresar.
  • Ensinanzas de Grao Superior: 1 ciclo de 4 cursos. Para acceder se require ter o título de bacharelato; ou ter superado o 3º ciclo de Danza e superar unha proba ordinaria para cada especialidade. Caso de non cumprir os anteriores requisitos, requírese superar unha proba extraordinaria. Habitualmente celébranse antes do 15 de xullo. Obtense o Título Superior, que equivale a un Grao universitario. Este nivel non se imparte en Galicia.
Para máis información, accede ás seguintes ligazóns:

6. ENSINANZAS DE MÚSICA

Poden ser regradas (nos Conservatorios de Música), que proporcionan un título con validez académica e profesional; e non regradas (en Escolas de Música), que proporcionan un certificado.
Estrutura: 3 graos
  • Grao Elemental: Hai que ter entre 8 e 14 anos. Consta de 4 cursos académicos. Cada centro establece os criterios de admisión para comprobar as aptitudes musicales dos candidatos.
  • Grao Medio: 3 ciclos de 2 anos cada un deles (6 anos en total). Non hai límite de idade para acceder. Hai que superar unha proba que varía segundo o ciclo ou curso que se queira facer e que atende ás aptitudes e coñecementos musicais da persoa interesada.
  • Grao Superior: Un único ciclo de 4 cursos. Obtense un título superior, equivalente para todos os efectos a un Grao universitario. Para acceder, hai que ter o título de bacharelato ou equivalente; ou ter superada a proba de acceso á Universidade para maiores de 25 anos; ou superar unha proba de madureza específica para maiores de 19 anos que acredite que se posúe a madureza en relación cos obxecivos do bacharelato. Ademáis, hai que superar unha proba ordinaria específica da especialidade mediante a que se acredite a posesión das competencias previas necesarias para o aproveitamento destas ensinanzas superiores. A posesión do título profesional de música fará parte da cualificación final da proba específica, ponderándose nun 40% do valor da cualificación final.
Os graos elemental e medio cúrsanse nos conservatorios profesionais de música; o grao superior impártese nos conservatorios superiores de música.


Para máis información, accede ás seguintes ligazóns:

11/8/14

Actuar "como unha nena"

Frases que escoitamos con frecuencia, como "pegas como unha rapaza", "corres como unha rapaza" ou "pareces unha nena" supoñen unha infravaloración das rapazas e inflúen dun xeito negativo na súa autoestima. Este video pode axudarnos a traballar co noso alumnado a igualdade de xénero nas sesións de titoría.



10/8/14

Guía de hábitos saudables

Cómo promover hábitos saludables y el desarrollo socioeducativo en niños y niñas a través del ocio y el tiempo libre é unha guía editada pola CEAPA e destinada ás familias cuxo obxectivo ven especificado no título.

Máis concretamente, a publicación, que destaca pola súa brevidade, aborda as seguintes cuestións:
  1. Alimentación saudable
  2. Lecer e tempo libre en familia
  3. Deporte e saúde
  4. Xestión do tempo
  5. Educación e responsabilidade no uso das TICs
  6. Prevención no consumo de sustancias tóxicas
  7. Animación á lectura
Nunha concisa introducción trátase o tema da educación para a vida, e no epílogo, o da educación en valores.

Fonte: Psycotec


9/8/14

Guía becas MECD

A tramitación de becas do MECD é, sen dúbida, bastante complexa. Por ese motivo un estudante da Complutense de Madrid creou en 2012 unha web onde se atopa toda a información necesaria para a tramitación e seguimento das becas do MECD. Aínda que non é oficial, pode axudar. Nela atoparás unha guía con todos os pasos a seguir para presentar a beca.

Accede á guía de consulta para resolver dúbidas da convocatoria 2014/2015 facendo clic na seguinte imaxe 

 
http://www.dudasbecasmec.com/2014/08/presenta-la-beca-mec-20142015-guia-paso.html?utm_source=feedburner&utm_medium=feed&utm_campaign=Feed%3A+DudasBecasMec+%28Dudas+becas+mec%29
 

Fonte: La botica del orientador

7/8/14

Becas do MECD 2014/15 para todos os estudos postobrigatorios

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ven de publicar a convocatoria de becas de carácter xeral para o curso académico 2014/15 para estudantes que cursen estudos postobrigatorios

As becas están dirixidas, xa que logo, a todos os estudos posteriores á ensinanza obrigatoria: Bacharelato, Formación Profesional, Ensinanzas Artísticas e Deportivas, Escolas Oficiais de Idiomas e Másteres, Graos, Licenciaturas e Diplomaturas universitarias...

Presentación de solicitudes:
  • do 8 de agosto ao 30 de setembro para os niveis non universitarios
  • do 8 de agosto ao 15 de outubro para os universitarios
Todos os solicitantes que cumpran cos requisitos establecidos pola convocatoria teñen asegurada unha beca.

Atoparás toda a información, dependendo dos estudos que vaias cursar, nas seguintes ligazóns: 

"Miss Escaparate". Documental

Documental -emitido en Documentos TV de la 2- onde se aborda o maltrato e a desigualdade que vive a muller no mundo real a través dos medios de comunicación.

Español para estranxeiros

Interesante web con numerosos recursos para a aprendizaxe do español polo alumnado estranxeiro. Especialmente idónea para o reforzo e práctica da linguaxe oral. Ofrece trailers, reportaxes, anuncios, documentais cuturais, así como outros exercicios máis clásicos de gramática e vocabulario.

Para acceder á web, fai clic na imaxe

http://www.ver-taal.com/index.htm

29/7/14

Estudar e traballar en Europa. Guía de recursos


Obra editada polo Injuve que contén unha recompilación de recursos que proporcionan información para preparar unha viaxe con destino aos países da Unión Europea e o Espacio Económico Europeo para estudantes que busquen traballo ou formación académica.

A guía pretende responder dunha maneira sinxela e ordeada a tres cuestións:
1. Quero ir e ónde buscar estudos e traballo
2. Que preciso en función do pais e traballo ou estudo
3. Como viaxar e con que.

Ademáis explica, noutro apartado, que documentos conformarán o futuro curriculum vitae dos estudantes ao seu retorno a España.

Para acceder ao documento, fai clic na imaxe


http://docreader.readspeaker.com/docreader/index.php?jsmode=1&cid=bpkfs&lang=es_es&url=http%3A%2F%2Fwww.injuve.es%2Fsites%2Fdefault%2Ffiles%2F2013%2F11%2Fpublicaciones%2FGuiaEstudiaryTrabajarEnEuropa.pdf&referer=http%3A%2F%2Fwww.injuve.es%2Fconocenos%2Fediciones-injuve%2Festudiar-y-trabajar-en-europa-guia-de-recursos&v=

Fonte: injuve.es

15/7/14

AXUDAS PARA O ALUMNADO CON NECESIDADE ESPECÍFICA DE APOIO EDUCATIVO. CURSO 2014/2015

O Ministerio de Educación publicou a convocatoria de axudas para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo para o curso 2014/2015.


Tipos de axudas:
  • Axudas directas para a alumnado -incluíndo o afectado por TDAH- que requira por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións educativas específicas derivadas de discapacidade ou trastornos graves de conducta.
  • Subsidios por necesidades educativas especiais derivadas de discapacidade ou trastorno grave de conducta para familias numerosas.
  • Axudas para programas específicos complementarios á educación reglada para alumnado con necesidade específica de apoio educativo asociado a altas capacidades. 
O prazo de solicitude remata o 30 de setembro de 2014.

8/7/14

PROBAS DE ACCESO A ENSINANZAS DEPORTIVAS 2014


Publicada no DOG de 7 de xullo a convocatoria de probas de acceso a ensinanzas deportivas para o curso 2014/2015.
  • Prazo de inscrición nas probas: do 8 ao 14 de xullo.
  • Celebración das probas: setembro de 2014.
  • Prazo de matrícula: Desde a data de publicación de admitidos en cada especialidade ata o 17 de setembro.
Ao igual que para os outros ciclos, tes que ter o título da ESO para presentarte a un ciclo medio e o título de Bacharelato se queres acceder a un ciclo superior.

Se non aprobaches todas as materias en xuño, que podes facer? 
  • presentarte ás probas de madureza (son o equivalente ás probas de acceso para os outros ciclos). Terán lugar o día 3 de setembro.
  • inscribirte agora nas probas de acceso e acreditar en setembro que tes o título. 

2/7/14

Protocolo de consenso sobre TDAH na infancia e na adolescencia.

A Consellería de Educación ven de publicar o Protocolo de consenso sobre TDAH na infancia e na adolescencia nos ámbitos educativo e sanitario.

Para acceder ao protocolo, fai clic na imaxe



http://www.edu.xunta.es/web/node/12908


22/6/14

CALENDARIO ESCOLAR EN GALICIA PARA O CURSO 2014/2015

Publicada a Orde do 13 de xuño pola que se aproba o calendario escolar en Galicia para o curso 2104 / 2015 nos centros sostidos con fondos públicos. 



COMEZO E REMATE DO CURSO:
  • No 2ª ciclo de Educación Infantil, Educación Especial e Educación Primaria: Do 10 de setembro ao 19 de xuño.
  • En Educación Secundaria e Formación Profesional: Do 15 de setembro ao 19 de xuño. 
  • En Ensinanzas de Réxime Especial: Do 15 de setembro ao 30 de xuño.
  • Nos centros de Ensinanzas Artísticas superiores: Do 10 ao 30 de setembro.

PERÍODOS DE VACACIÓNS:
  • Nadal: desde o día 22 de decembro de 2014 ata o día 7 de xaneiro de 2015.
  • Entroido: días 16, 17 e 18 de febreiro de 2015. 
  • Semana Santa: desde o día 30 de marzo ata o 6 de abril de 2015.

DÍAS NON LECTIVOS: 
  • Día do Ensino: 31  de Outubro. 
  • Festivos locais ou de ámbito estatal. 

20/6/14

Axudas para a adquisición libros de texto para o alumnado. Galicia 2014-15




A Consellería de Educación convocou axudas para a adquisición de libros de texto destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, en educación secundaria obrigatoria ou en educación especial, en centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, no curso escolar 2014/2015.

As principais novidades desta convocatoria son:

1. A finalidade das axudas é a adquisición exclusivamente de libros de texto (non se pode adquirir con cargo ao vale material didáctico nin complementario).

Non obstante, o alumnado matriculado en educación especial, así como aquel que teña recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 65% poderá adquirir os libros, material didáctico e complementario que o centro docente determine en cada caso.

2. O alumnado ten a obriga de conservar en bo estado os libros de texto adquiridos na súa integridade con cargo ao importe das axudas, así como incorporalos,  ao rematar o curso escolar 2014/2015 (xuño ou setembro, segundo o caso), a un fondo solidario que se constituirá no centro (banco de libros),


Exclúese desta obriga ao alumnado de 1º e 2º de educación primaria, así como o de educación especial e aquel cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, nos casos en que o material adquirido con cargo á axuda non poida ser reutilizado.

 Máis información na web da Consellería
(requisitos, lugar e prazo de presentación, solicitudes, documentación, contía das axudas, información para as librerías, ...)

17/6/14

INSTRUCCIÓNS DO PROCESO DE ADMISIÓN A CICLOS FORMATIVOS 2014/15. GALICIA

Actualizada toda a información relativa ao proceso de admisión a ciclos formativos do curso 2014-2015.

Para acceder ás informacións, fai clic nas distintas ligazóns

 -Información xeral de admisión
(Normativa reguladora, instruccións xerais e calendario de admisión)

Prazo de admisión de solicitudes:
- Do 17 de xuño ao 4 de xullo de 2014 en período ordinario para quen cumpra os requisitos en xuño.
- Do 1 ao 12 de setembro de 2014 en período extraordinario.

16/6/14

OFERTA FORMATIVA DE FP PARA O CURSO 2014-2015. GALICIA

Nas seguintes ligazóns podes atopar a oferta de ciclos formativos polo réxime ordinario na modalidade presencial, e a oferta modular polo réxime de persoas adultas nas modalidades presencial e a distancia para o curso 2014-2015, clasificadas por provincia e concello, así como por familia profesional e ciclo:

Réxime ordinario na modalidade presencial:
Réxime das persoas adultas na modalidade presencial (oferta modular):
Réxime da persoas adultas na modalidade a distancia (oferta modular):
 
 

6/6/14

INSTRUCCIÓNS PARA O ACCESO E ADMISIÓN EN CICLOS DE ARTES PLÁSTICAS E DESEÑO EN GALICIA 2014



Publicouse a Resolución do 21 de maio de 2014 coas instrucións para o acceso e admisión nos ciclos medios e superiores de Artes Plásticas e Deseño para o curso 2014/2015 en Galicia. 


Figuran:
  • As datas para a solicitude de admisión e inscrición nas probas específicas de acceso e de madureza: Do 5 de xuño ata o 19 de xuño en Ciclos Superiores e ata o 24 de xullo en Ciclos Medios. 
  • As datas e horarios das probas.
  • Os contidos das probas.
  • As datas para a matrícula.
  • Os impresos de solicitude de admisión.

28/5/14

Consellos para preparar a Selectividade

Conxunto de consellos sinxelos para preparar a Selectividade. Experiencias doutras persoas que xa pasaron por ela.