16/8/14

EDUCACIÓN DE ADULTOS



Destinatarios:

Persoas que teñan cumpridos os 18 anos. De maneira excepcional, poden acceder persoas maiores de 16 anos que teñan un contrato de traballo ou estean en condicións excepcionais que lles impidan facer os estudos polo réxime ordinario, e deportistas de alto rendemento.

Oferta de estudos:
  • Ensinanzas básicas iniciais
  • Educación secundaria para persoas adultas (ESA)
  • Bacharelato para persoas adultas
  • Ciclos formativos para persoas adultas
  • Ensinanzas non regradas


- Ensinanzas básicas iniciais:

Equivalen á educación primaria para persoas adultas. Inclúen a alfabetización e a consolidación das competencias en lectoescritura e matemáticas.


- Educación secundaria para persoas adultas:
  • Ensinanzas que conducen á obtención do título de graduado en educación secundaria (ESA). Dependendo dos estudos previos que realizara a persoa interesada, poden cursarse en dous ou nun curso escolar.
  • Organízanse en ámbitos de coñecemento (comunicación, social e científico-tecnolóxico), e desenvólvense ao longo de catro módulos cuadrimestrais (dous cursos escolares). As persoas adultas poderán permanecer cursando estas ensinanzas o tempo que o seu ritmo de aprendizaxe precise para a adquisición dos coñecementos establecidos.
  • As persoas que teñan o título de graduado escolar teñen validados os módulos 1 e 2 dos tres ámbitos de coñecemento, e acceden directamente ao módulo 3.
  • As persoas que superaran materias da ESO ordinaria poden validar parte dos módulos.
  • Estas ensinanzas pódense cursar polas modalidades presencial, semipresencial e a distancia telemática.
    • Na modalidade semipresencial é obrigatoria a asistencia ás titorías de cada ámbito (Unha hora semanal para o ámbito social, dúas sesións lectivas para o ámbito de comunicación, e outras dúas para o ámbito científico-tecnolóxico).
    • A modalidade a distancia con titorías telemáticas non supón a asistencia a titorías presenciais. A comunicación cos titores é a través da Aula Virtual do IES San Clemente.
  • Matrícula: 
    • Na modalidade presencial, primeira quincena de setembro para o primeiro cuadrimestre; nas modalidades semipresenciais e a distancia, primeira quincena de xaneiro.
  • Acceso:
    • Por superación do nivel II das ensinanzas iniciais
    • Mediante proba de avaliación inicial
    • Por validación de estudos
  • Saídas: 
    • Ciclos Formativos de Grao medio
    • Bacharelato
    • Mundo Laboral
  • Centros:
    • Podes consultar a rede de centros de modalidade presencial nesta ligazón.
    • A modalidade semipresencial pode cursarse nos seguintes centros: EPA Eduardo Pondal (A Coruña), EPA Santa María de Caranza (Ferrol), IES San Clemente (Santiago de Compostela), EPA Albeiros (Lugo), EPA de Ourense, IES de Celanova, EPA Río Lérez (Pontevedra), EPA do Berbés (Vigo).
    • A modalidade a distancia telemática impártese no IES San Clemente (Santiago de Compostela). 

- Bacharelato para persoas adultas:
  • Ensinanzas que conducen á obtención do título de Bacharelato. 
  • Teñen o mesmo currículo e a mesma organización xeral que o bacharelato de réxime ordinario.
  • Estas ensinanzas poden cursarse en dous anos escolares, por curso completo, ou por materias de forma independente. Se se opta por cursar materias de forma independente, non se deberán superar os 32 períodos lectivos semanais.
  • O alumnado pode permanecer nestes estudos durante máis tempo: seis anos na modalidade presencial e sen límite na modalidade a distancia.
  • Pódense cursar polas modalidades presencial, semipresencial e a distancia telemática.
    • Na modalidade semipresencial, o alumnado ten que asistir obrigatoriamente a unha hora semanal de titoría por cada unha das materias que curse.
    • Na modalidade a distancia telemática, recibe a súa atención a través dunha plataforma de educación a distancia e non ten titorías presenciais obrigatorias. Estas ensinanzas son impartidas desde o IES San Clemente, de Santiago de Compostela, para toda Galicia. Os exames poden realizarse nos centros EPA de todas as cidades galegas. 
  • Requisitos de acceso:
    • Posuír o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.
    • Posuír o título de técnico nalgún Ciclo Formativo de Grao medio.
  •  Matrícula: 
    • Na modalidade presencial, primeira quincena de setembro.
    • Na modalidade semipresencial, primeira quincena de setembro.
    • Na modalidade a distancia telemática, 2ª quncena de setembro a aproximadamente finais de novembro.  
  •  Saídas:
    • Ciclos Formativos de Grao Superior
    • Universidade
    • Mundo laboral
  • Centros: 
    • Podes consultar a rede de centros na modalidade presencial nesta ligazón.
    • A modalidade semipresencial pode cursarse nos seguintes centros: EPA Eduardo Pondal (A Coruña), IES de Cedeira, EPA Santa María de Caranza (Ferrol), IES As Telleiras (Narón), IES San Clemente (Santiago de Compostela), IES Monte Castelo (Burela), IES de Foz, EPA Albeiros (Lugo), IES Río Cabe (Monforte), IES de Ribadeo, IES Lois Peña Novo (Vilalba), IES Martaguisela (O Barco de Valdeorras), IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño), EPA de Ourense, EPA Río Lérez (Pontevedra) e EPA do Berbés (Vigo).
    • A modalidade a distancia telemática impártese no IES San Clemente (Santiago de Compostela).

- Ciclos formativos para persoas adultas:
  •  A formación profesional no sistema educativo comprende un conxunto de ciclos formativos, tanto de grao medio como de grao superior, cunha organización en módulos e con contidos teórico-prácticos que teñen como finalidade a adquisición das competencias necesarias para unha inserción laboral satisfactoria e o desempeño de diversas profesións. 
  • Toda a información relativa a esta oferta polo réxime das persoas adultas, á rede de centros, aos períodos de matriculación, á documentación necesaria, ás saídas académicas e profesionais, etc., pode atopala nesta ligazón.

- Ensinanzas non regradas:

Son ensinanzas que abordan contidos e habilidades de grande interese para as persoas adultas, malia non conduciren á obtención dun título académico. Algunhas delas son:
  • Cursos de Aula Mentor: Cursos impartidos a distancia orientados a mellorar a capacitación profesional e a formación cultural das persoas adultas. Para unha información completa e actualizada sobre os cursos ofertados, as aulas existentes, etc., pódese acceder á páxina web das Aulas Mentor.

    Aulas MENTOR

  • Galego e castelán para persoas inmigrantes: Dirixido a cidadáns doutros países, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, que necesiten coñecer as linguas oficiais.


Para máis información, consulta a web da Consellería e o folleto informativo editado pola Xunta de Galicia, fontes das informacións aquí recollidas.

    No hay comentarios:

    Publicar un comentario