15/8/14

ENSINANZAS OFICIAIS DE IDIOMAS

Que son as Escolas Oficiais de Idiomas (EOI)?
Son centros docentes públicos para a aprendizaxe de idiomas e para a súa práctica. Nelas foméntase especialmente o estudo das linguas oficiais dos estados membros da Unión Europea, das linguas cooficiais existentes en España e do español como lingua estranxeira. Así mesmo, facilítase o estudo doutras linguas que por razóns culturais, sociais ou económicas presenten un interese especial. As ensinanzas de idiomas forman parte, dentro do sistema educativo, das ensinanzas de réxime especial.

Matrícula:
Pódese matricular nunha EOI calquera persoa que teña 16 anos cumpridos no ano en que comece os estudos, se se trata da 1ª lingua estranxeira cursada na ESO; ou 14 anos, no caso das restantes linguas.

Idiomas:
Nas EOI de Galicia pódense estudar ata once linguas: alemán, árabe, chinés, español paa estranxeiros, francés, galego, inglés, italiano, portugués, ruso e xaponés.

Plan de estudos:
Organízase en 3 niveis.
  • Básico (dous anos; tres no caso do chinés e do xaponés)
  • Intermedio (dous anos; tres no caso do árabe, do chinés e do xaponés).
  • Avanzado (dous anos).
Certificación:
Ao remate de cada nivel hai que superar unha proba de certificación, que dá dereito á expedición do certificado oficial correspondente:
  • Certificado de nivel básico (nivel A2 do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas (MCERL).
  • Certificado de nivel intermedio (nivel B1 do MCERL.
  • Certificado de nivel avanzado (nivel B2 do MECRL). 

Réximes:
As persoas que queiran estudar nunha EOI teñen varias opcións:
  • Réxime oficial, no que se poden cursar os estudos nunha destas modalidades:
    • Presencial, con tres sesións de 90 minutos por semana na EOI.
    • A distancia, só no caso do inglés, por medio do programa "That's English!"
  • Réxime libre, para que as persoas non escolarizadas nunha EOI poidan obter os certificados dos distintos niveis mediante a superación das probas de certificación.
Acceso con coñecementos previos do idioma:
As persoas con coñecementos previos da lingua poderán acceder a un curso distinto do primeiro de nivel básico, como alumnado oficial, por medio de:
  • Proba de clasificación: avalían os coñecementos da lingua para dar acceso ao curso que corresponda, segundo os resultados da proba.
  • Acceso directo por titulación: as instrucións de matrícula establecen cada ano as titulacións ou os certificados de coñecemento do idioma que dan acceso a cada curso.
  • Título de bacharelato: permite acceder directamente ao primeiro curso de nivel intermedio na primeira lingua estraneira cursada no bacharelato.
Outros estudos ofertados:
Ademais dos estudos regrados, as escolas oficiais de idiomas ofertan outros cursos de actualización e perfeccionamento en idiomas:
  • Cursos de actualización lingüística e comunicativa (CALC) para o profesorado.
  • Cursos para sectores profesionais (audiovisual, comercio, turismo, medio mariño, etc).
  • Cursos preparatorios para as probas CELGA.
  • Cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior.
  • Outros cursos de formación do profesorado en colaboración cos centros de formación e recursos (CFR), e o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).  

EOI en Galicia:
Na actualidade hai once escolas oficiais de idiomas, das que ademais dependen 20 seccións, nas catro provincias galegas.

Para máis información, accede ás seguintes ligazóns:
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario